Comezamos este novo curso marcado polas medidas de protección contra o coronavirus: distancia de seguridade, ventilación, máscaras, produtos de desinfección con alcohol... e convertindo unidades en diversos cursos de Física e Química. Vexamos a importancia de interpretar e saber operar os submúltiplos decimais para comprender a actual situación que nos tocou vivir.
Cal é o tamaño do coronavirus?
O diámetro do SARS-CoV-2 é da orde de 100 nm. Para facernos unha idea do valor debemos recordar que 1 nm é a mil millonésima parte do metro (1 nm=10-9 m) ou, o que é o mesmo, a millonésima parte do milímetro (1 nm=10-6 mm). Polo tanto, en 1 mm de lonxitude caben uns 10000 coronavirus en fila!
Distancia de seguridade e ventilación
As gotas que expulsamos ao vocalizar, esbirrar, tusir, respirar... con un diámetro superior a 5 μm acaban caendo ao chan por acción da gravidade. Unha gota de 100 μm segue unha traxectoria balística (con frecuencia parabólica) cun alcance máximo de 1,5 a 2 m (de aí a distancia de seguridade que debemos manter).
Para tamaños comprendidos entre 100 μm e 5 μm as gotas permanecen algún tempo (segundos ou minutos) en suspensión antes de acabar finalmente caendo ao chan. Ese tempo aumenta canto menor é o tamaño da partícula.
As partículas e gotas que emitimos de tamaño inferior a 5 μm denomínanse aerosois e poden permanecer suspendidas no aire durante horas ou días. Cada vez existe máis evidencia científica de que estes aerosois son tamén posibles vías de contaxio do coronavirus de aí a necesidade de ventilación continua. O tamaño dos aerosois máis grandes sería suficiente para portar varios coronavirus, cuxo diámetro recordemos é de tan só 100 nm (ou o que é o mesmo 0,1 μm).
Debemos ter en conta ademais que as partículas e gotas, unha vez emitidas, varían o seu tamaño facéndose máis pequenas ao evaporarse a auga que conteñen.
Máscaras
As máscaras son elementos de protección de uso obrigado no momento actual. Existen diferentes tipos: as cirúrxicas, por exemplo, deben reter partículas ata da orde de 3 μm se están debidamente homologadas e as de tipo FFP2 partículas ata da orde de 0,3 μm. A probabilidade de que un aerosol de tamaño inferior a 0,3 μm poida portar algún coronavirus parece ser extremadamente baixa.
___________________________________________________________________________________
Referencias:
-Emisión y exposición a SARS-CoV-2 y opciones de filtración. Instituto de Diagnóstico Ambiental y Estudios del Agua (IDAEA), CSI.
-Coñecemos máis sobre os aerosois con Jorge Mira.
-Coronavirus:el tamaño sí importa. Deborah García Bello.
Imaxe: Wikipedia
Ningún comentario:
Publicar un comentario