Amosando publicacións coa etiqueta Física. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Física. Amosar todas as publicacións

xoves, 20 de febreiro de 2025

Unha viaxe ao mundo dos átomos

Achego aquí un interesante vídeo do CERN sobre a estrutura da materia a escalas cada vez máis pequenas: partindo dun pelo humano ata chegar aos quarks que forman os protóns e neutróns do núcleo dos átomos que forman dito pelo.

Fonte: Produced by Daniel Dominguez/CERN Copyright © CERN

venres, 10 de xaneiro de 2025

Desviando raios catódicos cun imán

Os raios catódicos son correntes de electróns observados en tubos de baleiro (ou cun gas a baixa presión). Cando o feixe de electróns impacta na lámina fluorescente prodúcese un punto brillante permitíndonos así visualizar a traxectoria rectilínea destes desde o cátodo ata o ánodo. 

Achegando o polo norte ou o polo sur dun imán conseguimos curvar a traxectoria de ditos electróns nun ou noutro sentido. Podemos comprobar que o sentido de dita curvatura é coherente coa dirección e sentido da forza magnética que actúa sobre ditos electróns aplicando a lei de Lorentz.

Esta experiencia foi ideada e desenvolvida no IES Terra de Soneira grazas ao profesor de Física e Química Daniel Esmorís Puñal.

venres, 19 de xaneiro de 2024

A voltas coa velocidade

Para comprobar que a dirección da velocidade lineal dun corpo con movemento circular é tanxente en cada punto a dita traxectoria circular (ou, o que é o mesmo, perpendicular á dirección radial) enganchamos unha bengala a un trade, acendemos a bengala e apertamos o disparador do trade...

 
Observamos que as chispas da bengala saen en dirección tanxente no sentido do movemento. A dirección da velocidade lineal coa que saen as chispas vai cambiando segundo o punto da traxectoria circular aínda mantendo a velocidade de xiro do trade constante. A aceleración responsable deste cambio de dirección do vector velocidade lineal por curvarse a traxectoria do movemento denomínase aceleración centrípeta ou normal e a forza que a orixina forza centrípeta ou normal. O nome de "centrípeta" fai referencia a que ambas son magnitudes vectoriais que apuntan en cada punto da traxectoria ao centro de curvatura e, polo tanto, perpendiculares (ou "normais") á dirección da velocidade lineal.

luns, 1 de maio de 2023

luns, 25 de outubro de 2021

Observando o firmamento desde o IES Terra de Soneira

Comezamos este novo curso escolar coa proposta dunha orixinal e interesante actividade: a sesión de observación astronómica que terá lugar este martes 26 de outubro ás 20:00 h na entrada do noso centro conducida por expertos do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da Universidade de Santiago de Compostela. Non vola podedes perder!

mércores, 10 de febreiro de 2021

Eureka!

Ao parecer o matemático grego, Arquímedes de Sicarusa, pronunciou esta exclamación tras descubrir que un corpo mergulllado en auga desaloxa un volume desta igual ao volume do corpo somerxido. A este achado chegou cando estaba tomando un baño e tal foi a súa alegría que saiu correndo espido polas rúas exclamando Eureka! (Descubrino!).

Tal descubrimento permitiríalle a Arquímedes determinar o volume dun corpo irregular como era a coroa do rei Hierón II e, medindo a súa masa, calcular a densidade do material do que estaba feita para comprobar se era ouro puro ou non.

Pero existen tamén outras interpretacións do momento Eureka! de Arquímedes que o relacionan co descubrimento da posible sustentación da enorme embarcación de vela que quería construír o citado rei Hieron II, tal e como se explica no seguinte vídeo (recorda que podes activar os subtítulos para facilitar a comprensión).

Fonte: TED-Armand D'Angour. Directed by Zedem Media, narrated by Addison Anderson.; Spanish translation by Sebastian Betti. Reviewed by Ana Díaz Moreno.

venres, 5 de febreiro de 2021

Separación dos compoñentes dunha mestura

Xa case rematamos a separación dos compoñentes da nosa mestura de area-grava-limaduras de ferro-sulfato de cobre. 

Agora só toca agardar a que a area se seque e a auga da disolución de sulfato de cobre se evapore. Velaquí unha foto de ambas no laboratorio de química.

luns, 1 de febreiro de 2021

Fluídos en acción

Aplicando o principio da hidrostática de fluídos podemos determinar a densidade dun aceite empregando outro líquido de densidade coñecida e un tubo en U.

domingo, 27 de decembro de 2020

Propulsión a reacción

No seguinte vídeo podemos apreciar como conseguimos mover un artefacto con rodas mediante un globo que se desincha: a forza de saída do aire (cara atrás) impulsa ao vehículo en sentido contrario (cara adiante) facendo que este percorra unha distancia apreciable. Este é o sistema no que se basea a propulsión a chorro dos foguetes. Unha boa comprobación do principio de acción-reacción (e da lei fundamental da dinámica).

A experiencia saiu mellor no laboratorio que na aula. Resulta interesante analizar os factores que determinan a aceleración que adquire o vehículo e, consecuentemente, a distancia que este percorre: a masa do propio vehículo, o "tipo" de globo, o tipo de superficie sobre a que se sitúa...

Nas seguintes ligazóns atoparás indicacións sobre como construir o teu propio vehículo a reacción con materiais sinxelos:

https://www.youtube.com/watch?v=TcsOsIkSBuI

https://www.youtube.com/watch?v=HJJZoekmvCE

domingo, 6 de decembro de 2020

As leis de Newton en contexto

As tres leis da dinámica que o brillante físico británico Isaac Newton fomulou no século XVII atópanse probablemente entre as leis máis importantes e empregadas da física actual, permitindo explicar os efectos das forzas no movemento dos obxectos cotiáns que nos rodean.

Podes observar no seguinte vídeo unha interesante explicación de ditas leis a partir da famosa serie de debuxos animados, emitida durante moitos anos na Televisión de Galicia, Dragon Ball:

 Fonte: O Son das Ideas

Neste outro vídeo explícase o funcionamento dunha bicicleta a partir das leis de Newton. Está en inglés pero podes activar os subtítulos que dispón traducidos ao castelán.

Fonte: TEDDirector: Candy Kugel. Educator: Joshua Manley. Producer: Marilyn Kraemer.   Animator: Rick Broas. Narrator: Joshua Manle.

domingo, 15 de novembro de 2020

É perigosa a radiación?

O temo de radiación é un concepto amplo que se emprega para referirse á enerxía transportada por:

-ondas electromagnéticas (radiación electromagnética) como por exemplo a luz visible, as ondas de radio ou os raios X.

-partículas movéndose a gran velocidade nun medio (radiación corpuscular*) como por exemplo un electrón movéndose a gran velocidade no aire.

Tal e como vimos nesta unidade os núcleos dalgúns átomos son inestables e emiten radiación (radiación nuclear) para transformarse noutros núcleos máis estables doutros elementos ou do mesmo elemento. Esta radiación pode ser de tres tipos: alfa, beta e gamma. A radiación alfa (composta por dous protóns e dous neutróns) e a beta (electróns) son de tipo corpuscular (son partículas) mentras que a radiación gamma é de tipo electromagnético (son ondas).

O nivel de perigosidade da radiación está relacionado coa enerxía que transporta. A diario estamos expostos a distintos tipos de radiación electromagnética de baixa enerxía, e consecuentemente, que non resulta nociva para a nosa saúde, como é o caso das ondas de radio, as microondas, a radiación infravermella ou a luz visible.  Pola súa banda, a radiación que ten suficiente enerxía como para conseguir arrancar os electróns dos átomos da materia chámase radiación ionizante e si pode resultar nociva. A radiación ionizante abarca os seguintes tipos de radiación electromagnética: os raios ultravioleta máis enerxéticos, os raios X e os raios gamma e tamén inclúe as radiacións corpusculares alfa e beta. Polo tanto, os tres tipos de radiacións nucleares (alfa, beta e gamma) son de tipo ionizante.

O seguinte vídeo permitirache revisar e ampliar o coñecemento sobre a radiación e a súa presenza na vida cotiá ao tempo que repasar inglés (podes activar subtítulos para faciltar a comprensión).

Fonte: TED-Matt Anticole. Script Editor: Emma Bryce. Animator: Rob Birchall. Producer: Tom Sanders. Sound Designer: Jake Sanders. Narrator: Addison Anderson

 _________________________________________________________________________________

*A palabra corpuscular vén de corpúsculo que significa partícula (porción de materia de tamaño moi reducido, só visible ao microscopio).

venres, 13 de novembro de 2020

Tipos de radiación nuclear e blindaxes necesarias

As numerosas aplicacións dos isótopos radiactivos fan necesario o transporte seguro dos mesmos duns lugares do mundo (onde se obteñen) a outros (onde se precisan). No seguinte vídeo da Axencia Internacional de Enerxía Atómica (IAEA) explícanse en detalle os tres tipos de radiación (alfa, beta e gamma) e as blindaxes necesarias para deter a enerxía asociada ás mesmas as cales deben terse en consideración na súa manipulación e transporte.

xoves, 12 de novembro de 2020

Marie Curie e a radioactividade nuclear

O fenómeno da radioactividade nuclear foi descuberto de forma case ocasional polo científico francés Henri Antoine Becquerel a finais do século XIX. Pero as investigacións máis importantes neste campo foron realizadas polo matrimonio Pierre e Marie Curie. En particular foi Marie Curie a que acuñou o termo de radioactividade e o atribuiu a algo que acontecía dentro dos átomos -algo revolucionario por aquel entón-. 

A historia desta talentosa científica é un exemplo de esforzo e superación, de paixón polo seu traballo e de xenerosidade e procura do benestar da humanidade. Trátase da primeira muller en gañar un premio Nobel e ademais da primeira persoa que obtivo dous premios Nobel diferentes: o de Física en 1903 polas súas investigacións sobre a radioactividade -compartido co seu marido e con Becquerel- e o de Química en 1911 polo descubrimento dos elementos radio e polonio. Así mesmo foi a primeira muller en ter o cargo de profesora na Universidade da Sorbona en París.

Por todo o que fixo e o que representa Marie Curie constitúe un referente para todos e, particularmente, para moitas mulleres. Existen multitude de libros sobre a súa biografía e obra, películas, vídeos... Entre eles seleccionei esta curta que está inglés (recorda que podes activar os subtítulos para facilitar a comprensión).


 Fonte: TED-Shohini Ghose.Director: Anna Nowakowska. Script Editor:Mia Nacamulli. Composer: Matthias Runge. Producer: The AnimationWorkshop. Content Producer: Gerta Xhelo. Editorial Producer: Alex Rosenthal. Narrator: Julianna Zarzycki
 

martes, 3 de novembro de 2020

Laboratorio virtual para 2º ESO

No seguinte laboratorio virtual creado por José Antonio Navarro Domínguez poderás medir masas e volumes de sólidos e líquidos como se estiveses nun laboratorio real e determinar as súas correspondentes densidades.

Para iso debes seleccionar a correspondente actividade, elixir o material que precises do menú e pinchar no correspondente botón verde... a recreación virtual está moi lograda e con coidados detalles.

 
Autor: José Antonio Navarro Domínguez
 

venres, 9 de outubro de 2020

Exactitude e precisión

Tal e como vimos na clase non debemos confundir os conceptos de exactitude (accuracy en inglés) e precisión (precision). O seguinte vídeo permitirache revisar ambos conceptos ao tempo que repasar inglés durante esta longa fin de semana...

Fonte: TED-Matt Anticole. Spanish translation by Denise R Quivu. Reviewed by Ciro Gomez.

mércores, 7 de outubro de 2020

A ritmo do material do laboratorio

O seguinte vídeo de Big Bang Campano permitirache repasar o principal material de laboratorio que este curso tivemos que levar á aula debido ás particulares circunstancias nas que nos atopamos.

venres, 7 de agosto de 2020

Satélites Starlink de SpaceX.

Satélites Starlink de SpaceX.


Se miramos o ceo nun día destes de verán, sobre todo cando non haxa lúa (o que significa que ben pode ser lúa nova ou que se atope na cara iluminada da Terra mentres na nosa é de noite), veremos infinidade de puntiños flasheantes, estrelas, e puntiños móbiles non flasheantes, planetas. 

Mais non só son planetas estes puntiños móbiles non flasheantes... Por exemplo, a ISS (International Space Station ou Estación Espacial Internacional) vese coma unha bóla branca que non parpadea e que se move "lentamente", é dicir, que o seu rastro sobre o ceo pode durar mesmo 5 minutos se a collemos nun bo momento e zona, xa que a ISS tarda uns 92 minutos en dar unha volta á Terra viaxando a unha velocidade orbital de 27.743 km/h a uns 400 km de altitude.

Mais non só é a Estación Espacial Internacional a que se ve coma un punto non flasheante cruzando o ceo nocturno, senón calquera satélite que se atope en situacións idóneas para que isto ocorra. Estes podían ser os IRIDIUM, antes de que os retirasen fai uns anos, ou agora os Starlink de SpaceX.

Os satélites Starlink son un proxecto da compañía de Elon Musk polo que pretende crear unha rede destes artefactos que poidan proporcionar internet a cada recuncho do mundo. Ser a idea é estupenda, pero coma calquera cousa, e sobre todo que teña que ver co espazo exterior, non está exenta de polémica... Entre os temas máis controvertidos atópanse dous: o lixo espacial xerado, e, sobre todo, as interferencias e problemas de contaminación lumínica do ceo nocturno. 

Para a maioría da xente, estes quizais non sexan problemas que lles afecten na vida diaria, pero para os científicos, coma os astrónomos, son un grande quebradoiro de cabeza... Sobre todo cando interfiren coas antenas e grandes telescopios que posúen estes investigadores para analizar o universo profundo... 

Mais hoxe non imos falar disto, senón dun fenómeno moi chulo producido ás veces polos satélites...

Un intenso flash saído da negrura que rapidamente mingua ata desaparecer nun puntiño branco máis ou menos intenso que continua cruzando o ceo estrelado por uns segundos ou minutos ata desaparecer na envolvente escuridade titilante.

A continuación amoso un vídeo que conseguín gravar sobre dous satélites Starlink que me permitiron presenciar este espectáculo. O que máis traballo deu foi despois identificar na base de datos (https://www.heavens-above.com/main.aspx) de que dous satélites se trataba... 

Vídeo-explicación realizada por David Roget Blanco:   Satélites Starlink Flash 


#RoadtoMars 

David Roget Blanco




venres, 24 de abril de 2020

A propósito do efecto fotoeléctrico

Javier Santaolalla explícanos no seguinte vídeo como a mecánica cuántica conseguiu dar explicación ao efecto fotoeléctrico.


domingo, 19 de abril de 2020

O curioso experimento da dobre fenda

Podemos obter patróns de interferencia facendo pasar por unha dobre fenda non só luz senón outras cousas como, por exemplo, electróns. A Física cuántica permite explicar fenómenos tan curiosos coma este. No seguinte vídeo trátase esta cuestión.



venres, 6 de marzo de 2020

Calendario de mulleres científicas

Pequena homenaxe en forma de calendario a esta ducia de científicas de relevancia internacional, varias delas galegas, elaborada en colaboración co Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística.