luns, 6 de maio de 2024

Orbitais híbridos, enlaces σ e Π

Na imaxe pode observarse a representación do dobre enlace na molécula de eteno: CH2=CH2 segundo o modelo de hibridación de orbitais.

Cada átomo de carbono ten 3 orbitais híbridos sp2 (azul escuro), con un electrón cada un, dispostos nun plano formando 120º e un orbital p (azul claro)  en dirección perpendicular tamén con un electrón. Por solapamento frontal dun orbital híbrido sp2 de cada carbono fórmase un enlace σ e por solapamento lateral do orbital p de cada carbono fórmase un enlace Π (representado coas dúas bandas de goma).

Cada un dos outros dous orbitais híbridos sp2 de cada carbono semiocupados solaparíanse, tamén frontalmente, cun orbital s dun átomo de hidróxeno semiocupado (falta por representar na imaxe) formando un enlace σ.

luns, 26 de febreiro de 2024

Comparando diferentes formatos de pontes salinas no laboratorio

Pila Daniell (Zn-Cu) con dúas versións de ponte salina: papel de filtro empapado en disolución acuosa de KCl e tubo en U con disolución acuosa de KCl tapado nos seus extremos con algodón.

 
A ponte salina permite o contacto eléctrico entre as disolucións de ambos eléctrodos sen que estas se mesturen. Deste xeito, "péchase o circuíto" facendo posible a circulacion de electróns polo circuíto exterior. Fíxate que no vaso da dereita a medida que os catións Cu2+se reducen a Cu, que se deposita sobre o cátodo, a disolución adquire un exceso de carga negativa. De xeito análogo, no vaso da esquerda a medida que o Zn do ánodo se oxida a Zn2+ aumenta a carga positiva da disolución. A ponte salina permite restablecer a neutralidade eléctrica de ambas disolucións ao posibilitar o paso dos anións (ións con carga negativa) da disolución da dereita á disolución da esquerda. 

venres, 16 de febreiro de 2024

Efecto da luz na xerminación das lentellas

Vista de perfil e en planta de dous experimentos de xerminación de lentellas. 

 

Saberías identificar en ambos casos cal estivo...

-nunha caixa pechada e opaca?

-nunha caixa pechada e opaca pero cun pequeno burato por onde entraba algo de luz?

-exposta completamente á luz?

As diferenzas na coloración, grao de desenvolvemento de órganos como as follas e dirección de crecemento dos talos poden darche algunha pista.

venres, 19 de xaneiro de 2024

A voltas coa velocidade

Para comprobar que a dirección da velocidade lineal dun corpo con movemento circular é tanxente en cada punto a dita traxectoria circular (ou, o que é o mesmo, perpendicular á dirección radial) enganchamos unha bengala a un trade, acendemos a bengala e apertamos o disparador do trade...

 
Observamos que as chispas da bengala saen en dirección tanxente no sentido do movemento. A dirección da velocidade lineal coa que saen as chispas vai cambiando segundo o punto da traxectoria circular aínda mantendo a velocidade de xiro do trade constante. A aceleración responsable deste cambio de dirección do vector velocidade lineal por curvarse a traxectoria do movemento denomínase aceleración centrípeta ou normal e a forza que a orixina forza centrípeta ou normal. O nome de "centrípeta" fai referencia a que ambas son magnitudes vectoriais que apuntan en cada punto da traxectoria ao centro de curvatura e, polo tanto, perpendiculares (ou "normais") á dirección da velocidade lineal.

mércores, 17 de xaneiro de 2024

Antibióticos e superbacterias

Exposición dunha selección de carteis elaborados por alumnado de 1º ESO para promocionar o bo uso dos antibióticos co fin de evitar a aparición de superbacterias (bacterias patóxenas que desenvolveron resistencia aos antibióticos que se empregan habitualmente).


xoves, 21 de decembro de 2023

Experimento con clorato de potasio e "gominolas"

No seguinte vídeo podedes apreciar a reacción de descomposición do clorato de potasio ao quentalo en cloruro de potasio e osíxeno (reacción endotérmica) e, a continuación, a reacción de combustión da sacarosa dunha "gominola" en presenza do osíxeno producido na reacción anterior. Esta última reacción  libera enerxía en forma de luz e calor (reacción exotérmica).


 

venres, 24 de novembro de 2023

Que son os hoteis de insectos?

Dentro das actividades de Patios vivos do Proxecto Terra, @s alumn@s de 3º ESO do IES Terra de Soneira plantaron varios bulbos de outono (narcisos, crocus e anemones) e arbustos (Erica gracilis e Calluna vulgaris).

Así mesmo, construíron un hotel de insectos ou estrutura compartimentada para recrear distintos espazos con características particulares que resulten acolledoras para distintas especies de insectos. Nestes espazos poden vivir e reproducirse protexidos das inclemencias do tempo.   

Recorda que os insectos facilitan a polinización das plantas, axudando a aumentar a súa produción. Ademais axudan a controlar a presenza de pragas nos xardíns e cultivos de forma natural.

venres, 10 de novembro de 2023

Investigando a ligazón das substancias

Todo preparado esta mañá para a práctica de propiedades das substancias e enlace. 

Determinamos se diferentes substancias sólidas conducen a electricidade e se son solubles en auga. A continuación observamos se as correspondentes disolucións acuosas, a propia auga destilada ou unha disolución acuosa de cloruro de hidróxeno conducen a electricidade e, polo tanto, poden clasificarse como electrólitos ou non.

mércores, 18 de outubro de 2023

Axendas escolares mineiras 2023/24

O alumnado de 1º ESO do IES Terra de Soneira xa dispón das axendas escolares 2023/24 elaboradas pola Cámara Oficial Mineira de Galicia grazas a CAVISA: Caolíns de Vimianzo, cuxas instalacións visitarán o presente curso. 

Encántanos o seu deseño, poñendo en valor o papel da muller neste eido da minaría e tamén as curiosidades tan interesantes que alberga no seu interior en relación aos minerais e as súas aplicacións. Non lle falta de nada... ata Táboa Periódica inclúe! Seguro que os nosos estudantes lle van a sacar partido.


luns, 12 de xuño de 2023

Niveis tróficos

Adaptación do mural anterior para traballar os niveis tróficos dos ecosistemas na materia de Bioloxía e Xeoloxía de 1º ESO.


luns, 15 de maio de 2023

Obradoiro de elaboración de protector solar natural

O pasado luns 15/05/2023 o alumnado de 3º ESO-A participou nun obradoiro de elaboración de protector solar natural impartido dentro do programa Aprende a través do surfing. Ademais de coñecer os diferentes tipos de radiación UV e os seus efectos no noso organismo ou os compoñentes máis frecuentes empregados nos protectores solares comerciais, o alumnado puido colaborar na elaboración in situ dun protector solar tomando como elemento base diferentes aceites naturais.

luns, 1 de maio de 2023

xoves, 20 de abril de 2023

A fauna de Vimianzo

Exposición de fotos de diferentes grupos de animais da contorna de Vimianzo efectuadas polo alumnado de 1º ESO na materia de Bioloxía e Xeoloxía. Tamén se inclúe algunha foto efectuada durante a visita ao Aquarium Finisterrae de A Coruña.