martes, 7 de novembro de 2017

A propósito dos Premios Nobel...

Os Premios Nobel deben o seu nome a Alfred Nobel, un enxeñeiro químico nado 1833 en Estocolmo que aos 9 anos se mudou coa súa familia a Rusia e non voltaría a Suecia ata 1863.  Co obxectivo de conseguir empregar como explosivo a nitroglicerina (un líquido inestable descuberto por un químico compañeiro seu), Alfred fixo diversos experimentos nos que chegou a morrer xente, incluído o seu irmán máis novo. Finalmente en 1866 conseguiu resolver o problema da inestabilidade da nitroglicerina mesturándoa cun tipo de area (diatomita) o que daba lugar a unha pasta á que lle chamou dinamita e que patentou un ano máis tarde. A esta seguiríanlle outras patentes. Máis aló dos posibles usos bélicos, o emprego da dinamita contribuiu a reducir os custos de construción de túneles, pontes... da época. 

Alfred morreu en Italia en 1896 e no seu testamento escribiu que gran parte da súa fortuna debía ser empregada para dar premios a quenes fixeran o mellor para a humanidade no campo da física, química, fisioloxía ou medicina, literatura e paz. Aclara ademais que é a súa vontade expresa que na concesión dos premios non se teña en conta a nacionalidade, de xeito que os obteñan os máis dignos, sexan ou non escandinavos. En 1901 eran entregados os primeiros Premios Nobel nas mencionadas disciplinas.

https://www.nobelprize.org/

Entre as razóns que terían motivado a Alfred a crear os coñecidos Premios Nobel crese que podería atoparse o erro cometido por un xornal francés cando morreu o seu irmán e o confundiron con el, ao que se referían cunha necrolóxica nada grata ("Le marchand de la mort est mort"). Tal erro faría reflexionar a Alfred sobre o xeito no que lle gustaría pasar á historia, e sería probablemente clave para a ocurrencia dos mencionados Premios Nobel.

Fontes: https://www.nobelprize.org/alfred_nobel/biographical/
             https://hipertextual.com/2016/01/origen-premios-nobel      

Ningún comentario:

Publicar un comentario