xoves, 28 de marzo de 2019

A química das pilas

Reparaches algunha vez sobre a importancia das pilas na nosa vida cotiá? Para comezar temos as pilas primarias -non se poden recargar- como as pilas alcalinas de uso común ou as pilas de óxido de plata (pilas de botón) empregadas en calculadoras, reloxos... As pilas secundarias ou acumuladores, pola súa banda, si se poden recargar facendo pasar electricidade en sentido contrario á corrente de descarga. Dito proceso de recarga consiste precisamente nunha electrólise. Algúns exemplos son as pilas níquel-cadmio ou as níquel-hidruro metálico, as baterías de chumbo dos coches e ata as mesmas baterías de ión-litio empregadas en aparellos electrónicos como teléfonos móbiles, portátiles...etc.

A pila de hidróxeno (ou pila de combustible) que empregan os vehículos de hidróxeno tamén é unha cela voltaica onde os reactivos, hidróxeno e osíxeno gas, se están aportando continuamente dando lugar á formación de auga ademais de xerar unha corrente eléctrica.

A enerxía liberada nun proceso redox espontáneo é, en definitiva, a base do funcionamento de calquera pila: unha substancia que se oxida e outra que se reduce deben estar dispostas de xeito adecuado e dar como resultado unha f.e.m. positiva.

Na pila Daniell construída no laboratorio os átomos de cinc oxídanse no ánodo - pasando da barra de cinc á disolución- e os catións cobre redúcense no cátodo -pasando da disolución á barra de cobre-. Os electróns circulan polo circuito exterior desde o ánodo (electrodo de cinc)  ao cátodo (electrodo de cobre). Os ións sulfato encargados de restablecer a neutralidade eléctrica circulan en sentido contrario a través da ponte salina -que é unha disolución de KCl no noso caso-:


Na seguinte ligazón podes ver unha interesante animación da pila Daniell (está en francés, polo que che axudará ademais a practicar este idioma).

Ningún comentario:

Publicar un comentario