martes, 24 de setembro de 2019

O noso lugar no Universo: O Sistema Solar

Representación feita por David Roget Blanco.
Aproximación cores/formas.
Premer para ampliar.

O noso lugar no Universo:

O Sistema Solar

Por David Roget Blanco


O noso marabilloso planeta, chamado Terra, orbita de forma elíptica arredor dunha estrela tipificada como "anana amarela", aínda que esta clasificación é algo ambigua, pois a cor real varía dende o branco (coma o noso Sol) ata outras cunha lixeira tonalidade máis amarela. 

Esta estrela, á que chamamos Sol, é a fonte de enerxía que alimenta a un conxunto de corpos celestes que se atopan nas súas proximidades.
Representación feita por David Roget Blanco.
Escala de tamaños real.
Premer para ampliar.
Entre eles, destacan os 8 principais planetas que, por orde de proximidade ó Sol, son:

-Mercurio
Representación feita por David Roget Blanco.


-Venus
Representación feita por David Roget Blanco.


-Terra
Representación feita por David Roget Blanco.


-Marte
Representación feita por David Roget Blanco.


-Xúpiter
Representación feita por David Roget Blanco.


-Saturno
Representación feita por David Roget Blanco.


-Urano
Representación feita por David Roget Blanco.

-Neptuno
Representación feita por David Roget Blanco.



Representación feita por David Roget Blanco.
Escala de distancias real.
Premer para ampliar.


Pero hoxe imos falar sobre:

Que é o que delimita o tamaño de Sistema Solar.

Eu unha vez pregunteime: "onde acaba o Sistema Solar? Hai algo que defina concretamente o seu fin?" Seguramente vós tamén caviláchedes algunha vez nisto e non conseguíchedes chegar a unha resposta única... Se foi así, non vos preocupedes, OS ASTRÓNOMOS TAMPOUCO! 
Non hai aínda consenso sobre onde deberiamos establecer o fin do Sistema Solar. E como consecuencia existen múltiples ideas sobre a mesa, cada unha máis diferente e extrafalaria ca anterior.
Algúns din que Neptuno marca os confíns, outros que a Heliopausa, outros que a Nube de Oort...
Estas son as tres principais, así que falemos algo máis detalladamente delas para que, ó final, o lector poida ter unha idea crítica e decantarse por algunha, ou por ningunha e propor algo novidoso! Pois cada un é un pequeno científico en potencia que só ten que espertar o sentido da curiosidade... e todo o demais sairá só!

Neptuno está considerado o planeta máis alonxado do Sol (4.537 millóns de km cando se atopa no Afelio), por eso se di que debería ser este o que delimite ó Sistema Solar. Pero... Plutón, aínda que considerado planeta anano, tamén orbita arredor do Sol, polo que debería formar parte do Sistema Solar, non? Consecuentemente, Neptuno non pode marcar o fin.

Algúns din que é a Nube de Oort. Esta é un conxunto de corpos (compostos por Helio, Amoníaco e Metano principalmente) formados nas proximidades do Sol nos seus inicios, pero que debido ós efectos gravitatorios deste e das estrelas máis achegadas como Próxima Centauri fixeron que agora se atope a aproximadamente un ano luz (9.460.730.472.580,8 km) de distancia da nosa estrela. Da Nube de Oort procede, por exemplo, o coñecido cometa Halley. Pero... se consideramos a esta agrupación de corpos celestes como os que marquen o fin... tamén habería que considerar outros corpos celestes que tamén se formaron nos inicios do Sistema Solar e que agora están vagando polo Universo... Algo que non tería sentido! Polo que non creo que se deba considerar este obxecto astronómico (conxunto de corpos celestes) como delimitador.

Por último temos a Heliopausa, situada entre Neptuno e a Nube de Oort. Atópase a algo máis de 3 veces a distancia de Neptuno ó Sol.
A Heliopausa é a zona onde remata a Heliosfera. A Heliosfera confórmana os ventos solares, que son fluxos de partículas ionizadas (catións (+) ou anións (-) ) liberadas dende a coroa solar e que conforman un estado de plasma que arrastra o campo magnético solar. Entón, a Heliopausa é a zona onde a influencia dos ventos solares (e campo magnético solar) é despreciable e a súa presión se iguala á dos espazo interestelar ou ó vento solar procedente doutras estrelas. Isto fai que non teña un límite ben definido debido ás fluctuacións e variacións dos ventos solares, que farán que varíe a distancia. 

Na miña opinión, malia ser a Heliopausa unha zona variable canto a distancia, debería ser considerada a verdadeira zona que lle pon fin ó noso Sistema Solar. Ademais é a única das ideas mencionadas que propón un concepto da física para delimitalo. As outras apostan por que sexa algo tanxible o que actúe de delimitador.


Representación feita por David Roget Blanco.
Tamaño do sol e distancias sinaladas a escala.
Premer para ampliar.






Nesta entrada explicamos cal podería ser considerado o elemento que delimite o noso Sistema Solar, mais nas seguintes entradas de astronomía e física do Universo, darémoslle explicación a outros fenómenos e preguntas que acontecen no Espazo que nos rodea...

O sol só rota, ou tamén se "traslada" por influencia gravitatoria dos planetas...? 
Esta e outras preguntas terán resposta en futuras entradas do blogue.
Se queredes algún tema en concreto, simplemente mencionádeo nos comentarios! 

"O que nos fai grandes é o feito de ver o pequenos que somos." -Martí Monteferrer-


David Roget Blanco.










Ningún comentario:

Publicar un comentario