domingo, 15 de novembro de 2020

É perigosa a radiación?

O temo de radiación é un concepto amplo que se emprega para referirse á enerxía transportada por:

-ondas electromagnéticas (radiación electromagnética) como por exemplo a luz visible, as ondas de radio ou os raios X.

-partículas movéndose a gran velocidade nun medio (radiación corpuscular*) como por exemplo un electrón movéndose a gran velocidade no aire.

Tal e como vimos nesta unidade os núcleos dalgúns átomos son inestables e emiten radiación (radiación nuclear) para transformarse noutros núcleos máis estables doutros elementos ou do mesmo elemento. Esta radiación pode ser de tres tipos: alfa, beta e gamma. A radiación alfa (composta por dous protóns e dous neutróns) e a beta (electróns) son de tipo corpuscular (son partículas) mentras que a radiación gamma é de tipo electromagnético (son ondas).

O nivel de perigosidade da radiación está relacionado coa enerxía que transporta. A diario estamos expostos a distintos tipos de radiación electromagnética de baixa enerxía, e consecuentemente, que non resulta nociva para a nosa saúde, como é o caso das ondas de radio, as microondas, a radiación infravermella ou a luz visible.  Pola súa banda, a radiación que ten suficiente enerxía como para conseguir arrancar os electróns dos átomos da materia chámase radiación ionizante e si pode resultar nociva. A radiación ionizante abarca os seguintes tipos de radiación electromagnética: os raios ultravioleta máis enerxéticos, os raios X e os raios gamma e tamén inclúe as radiacións corpusculares alfa e beta. Polo tanto, os tres tipos de radiacións nucleares (alfa, beta e gamma) son de tipo ionizante.

O seguinte vídeo permitirache revisar e ampliar o coñecemento sobre a radiación e a súa presenza na vida cotiá ao tempo que repasar inglés (podes activar subtítulos para faciltar a comprensión).

Fonte: TED-Matt Anticole. Script Editor: Emma Bryce. Animator: Rob Birchall. Producer: Tom Sanders. Sound Designer: Jake Sanders. Narrator: Addison Anderson

 _________________________________________________________________________________

*A palabra corpuscular vén de corpúsculo que significa partícula (porción de materia de tamaño moi reducido, só visible ao microscopio).

Ningún comentario:

Publicar un comentario