mércores, 4 de outubro de 2017

Inflúe a masa no tempo que tarda en chegar ao chan?

Aplicando o método científico podemos concluír en base a evidencias se o que de entrada nos parecía que ía a acontecer é realmente certo ou non. Para iso precisamos ter moi claro no noso experimento cales son as dúas magnitudes que imos a estudar e intentar relacionar e deixar o resto invariable. Só deste xeito a variación dunha das dúas magnitudes poderá ser efectivamente atribuída á variación da outra.


Fonte: BBC

No caso de dous obxectos diferentes que se deixan caer desde unha determinada altura no baleiro o experimento lévanos a concluír que chegan ao chan exactamente ao mesmo tempo. Pero isto non é o que observamos cando realizamos a experiencia en circunstancias máis cotidiás -isto é, no onmipresente aire-. Mais neste caso abonda con deixar caer o mesmo obxecto con distintas configuracións (por exemplo un folio liso e outro enrugado formando unha bóla) para concluír que non é a magnitude masa senón a forma a responsable da diferenza no tempo de caída. A forma determina a superficie de contacto do obxecto co aire e está relacionada coa resistencia que este último ofrece ao seu avance.

Por certo que a parte da Física que estuda os efectos que aparecen sobre os corpos sólidos no seo do aire e en movemento respecto deste denomínase aerodinámica e, como poderedes imaxinar, ten aplicacións moi interesantes como é o caso dos avións.

Ningún comentario:

Publicar un comentario